O BNG empraza o Goberno municipal a solicitar a reversión dos terreos da fábrica de armas
A Coruña, 29 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a solicitar a reversión dos terreos de Santa Bárbara se o Ministerio de Defensa decide desafectalos. E é que foi o Concello da Coruña quen cedeu os terreos. Deste xeito, expoñen as nacionalistas, evitaríanse as operacións especulativas e posibilitaríase continuar coa actividade industrial nestes terreos.
Así, o Grupo Municipal do BNG aposta por que o Concello, unha vez recuperados os terreos, implante, en colaboración coa Xunta de Galiza, un plan industrial serio que aposte pola diversificación da produción ao eido civil e que garanta os postos de traballo destruídos na fábrica de armas. Este plan industrial, apuntan as nacionalistas, debería contemplarse no marco dun plan industrial a nivel comarcal que contribúa a frear a desertización industrial que está a afectar A Coruña e a comarca. A Coruña, alertan, está a se converter nunha auténtica fábrica de parados e paradas.
O PP, responsábel da destrución dos postos de traballo en Santa Bárbara
O Grupo Municipal do BNG apunta o Partido Popular como responsábel da destrución dos postos de traballo en Santa Bárbara. As nacionalistas consideran deplorábel a actitude do presidente da Xunta de Galiza e da conselleira coruñesa Beatriz Mato, que en ningún momento apostaron polo mantemento do emprego, así como do Goberno central, que renunciou a presionar a General Dynamics malia seren os ministerios de Defensa e de Industria os principais acredores da multinacional.
Tamén lamentan as nacionalistas o paripé do alcalde, que hai uns meses presumía de que A Coruña no es el Trópico e que General Dynamics no puede marcharse después de 12 años aquí. É vergoñento, advirten as nacionalistas, que o Sr. Negreira, presidente provincial do PP, non fora quen de lograr compromiso ningún por parte dos compañeiros de filas do seu partido con responsabilidades da Xunta de Galiza e do Goberno central. É tal o descalabro do Sr. Negreira, engaden, que a única cidade na que General Dynamics botou o feche das súas fábricas foi A Coruña. Ao contrario que no noso caso, Palencia e Murcia resolveron o conflito laboral, conclúen.