O BNG denuncia o trastorno do Sr. Negreira en relación ao caso Someso
A Coruña, 14 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte do trastorno que padece o Goberno do Sr. Negreira en relación a Paco Vázquez en todo o que ten relación co caso Someso. Así, nacionalistas poñen de manifesto o trastorno e dupla personalidade do Goberno municipal: mentres recoñece, abertamente, as irregularidades cometidas por Paco Vázquez no informe municipal de 15 de xuño de 2012, elude actuar contra o ex alcalde. Deste xeito, acusan o Goberno municipal de non ser consecuente co informe municipal que alerta de que Paco Vázquez participou na venda ilegal dos terreos, mentres é moi consecuente coa amizade que une o Sr. Negreira co ex alcalde.
A obsesión, sinalan as nacionalistas, é a que ten o Partido Popular por non actuar contra Paco Vázquez polas súas actuacións en Someso (que figuran no informe municipal, avalado polo Pleno da Corporación, como ilegalidades e infraccións do ordenamento xurídico) que veñen de derivar na apertura de dilixencias por parte do Xulgado de Instrucción número 3 da Coruña.
A actitude que mantén o Goberno municipal ao redor de Someso evidencia que o Partido Popular pretendeu utilizar o caso con fins políticos, sen ir máis alá. E é que o Sr. Negreira non ten interese ningún en resolver a desfeita, malia recoñecer os feitos.