O BNG denuncia o pintado da estrada provincial coas obras paralizadas polo paso dunha proba ciclista
A Coruña, 6 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que se estea a pintar a estrada provincial DP 0512 que une A Coruña con Arteixo e atravesa O Birloque e Feáns polo paso nos vindeiros días dunha proba ciclista mentres esta mesma estrada leva cunhas obras paralizadas desde setembro de 2013 no tramo que vai de Feáns até o linde co concello de Arteixo.
E é que veciñas e veciños desta zona informaron as nacionalistas que onte venres estaban a pintar esta estrada para o paso desta carreira ciclista. Asemella, sinalan as nacionalistas, que debería de pasar cada seis meses unha proba deste tipo, xa que é o único xeito de que se adecenten algo os viarios da Coruña e da súa bisbarra.
As nacionalistas lembran que recentemente a Deputación, responsábel das obras que teñen por finalidade o ensanche da estrada e a mellora do seu trazado e do seu firme (estas obras foron adxudicadas en decembro de 2011 e paralizáronse en setembro de 2013) informou que as obras non se retomarán, no mellor dos casos, até marzo de 2015.
O BNG suxírelle ao sr. Negreira que xa que se inhibe de exixirlle á Deputación, escudándose na titularidade desta, a que actúe de inmediato para que se axilicen ao máximo os trámites e se conclúan as obras desta estrada canto antes, polo menos, e aproveitando que se está a pintar a estrada para esta proba deportiva, podería reclamarlle ao sr. Calvo o pintado de novos pasos de peóns á altura de Feáns e do Birloque que levan tempo solicitando a veciñanza destes dous núcleos da cidade