O BNG cualifica de "tomadura de pelo" a xestión do Goberno municipal en Alvedro
A Coruña, 21 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de "tomadura de pelo" a xestión do Goberno do Sr. Negreira en Alvedro, unha xestión ateigada de falsas promesas e de anuncios frustrados, como a chegada de Turkish Airlines e de Air Europa. As nacionalistas lamentan que o propio alcalde da Coruña enganara a cidadanía cando confirmou, no mes de novembro, a conexión de Air Europa a partir de finais de marzo e que o fixera aínda sabendo que a aeroliña sempre negou que a ruta estivera asegurada. O atrevemento do Sr. Negreira foi tal que chegou a informar sobre o número de frecuencias.
O Grupo Municipal do BNG empraza o alcalde e a concelleira de Turismo a deixar de facer o ridículo e a sentar a falar coa Xunta de Galiza de cara a constituír un sistema aeroportuario de Galiza, un modelo en que os tres aeroportos operen en condicións de igualdade e colaboración. O sistema estatal, advirten as nacionalistas, acentúa a condición periférica de Galiza e está a impedir a viabilidade de Alvedro.