O BNG critica que siga paralizado o servizo ferroviario de colectores no porto
A Coruña, 3 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala en relación co servizo ferroviario de colectores no porto que máis outra vez se evidencia a falta de credibilidade do Alcalde que dixo que era reversíbel a supresión do tren de mercancía industrial e que volvería en setembro, e estamos en setembro e o servizo segue paralizado.
Ademais, as nacionalistas volven lembrar que detrás da supresión do tráfico de colectores que Renfe prestaba até abril no porto, están os intereses dos promotores e de Autoridade Portuaria, xa que o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado polo Partido Popular en 2013, fai desaparecer a estación de ferrocaril de San Diego para construír rañaceos de até 10 plantas.
O Partido Popular, no canto de apostar polo desenvolvemento portuario e de promover o porto interior como punto de entrada e saída de colectores por camiños de ferro, aposta pola especulación e o beneficio dos grandes promotores e de Autoridade Portuaria.