O BNG considera "obsceno" o gasto de máis de 2 millóns de euros nas festas de María Pita 2013

O BNG considera "obsceno" o gasto de máis de 2 millóns de euros nas festas de María Pita 2013

MARIA XOSE 2A Coruña, 17 de outubro de 2013.- María Xosé Bravo, concelleira do BNG, revelou esta mañá en rolda de prensa o custo das festas de María Pita 2013, cuxo custo ascendeu a máis de 2 millóns de euros, unha cantidade, “obscena”, en palabras da nacionalista, sobre todo, tendo en conta que a edil do PP, Ana Fernández, concelleira de Cultura, é a responsábel do gran departamento de Servizos Sociais, Educación e Deportes, amais de Cultura.

“Pedímoslle á Sra. Ana Fernández que reflexione e repense a distribución dos cartos da súa área”, sinalou a concelleira do BNG. “Poderiamos falar de Servizos Sociais e das necesidades da xente, pero se nos centramos só en Cultura, con eses máis de 2 millóns de euros poderían seguir manténdose as actividades culturais que o PP suprimiu no mes de outubro: Mostra de Ciencia e Cinema, que xa ía pola V edición e se deixou de facer por falta de orzamento (custaba 10.000 euros), o Festival de Cabaré, para o que as artistas traballaban ao longo de todo o ano, ou o Outonarte, en que a xente máis moza podía demostrar a súa puxanza nas artes plásticas ou visuais”, afirmou. Lembrou tamén que o Goberno municipal é o responsábel da supresión do festival de Manicómicos e da gran feira da cultura, o Achegarte.

“Das prioridades do PP deducimos que existe unha confusión interesada entre festa e cultura, entre o que perdura, que é facer cultura coa cidadanía, desde a base, e o simple espectáculo”, denunciou María Xosé Bravo.

Máis de 2 millóns de euros

María Xosé 1A concelleira do BNG desglosou, a continuación, os custos das festas de María Pita 2013, para as que só o IMCE puxo 1.843.698 euros, cantidade á que hai que sumarlle os concertos de Carlos Núñez, de Ainhoa Arteta, o palco de María Pita ao longo do mes (palco que se lamina en madeira para determinados concertos), o programa de man, os miles de exemplares de 196 páxinas a cor editado en español e inglés ou a publicidade nos medios de comunicación (que se pagan mediante resolucións de Alcaldía). Así, o custo total ascendería a máis de 2 millóns de euros.

Explicou María Xosé Bravo que dentro destes máis de 2 millóns de euros non se computa o custo das actividades que se realizan con medios culturais públicos da cidade, aínda que, apuntou, teñen custo extra. É o caso da Banda de Música, da Orquestra Sinfónica ou da Orquestra Xove.

IMCE: 1.843.698 euros (+ Carlos Núñez, Ainhoa Arteta, palco de música de María Pita, programa de man, publicación de 196 páxinas a cor e publicidade nos medios de comunicación)

 

taboa custo festas

 

O BNG considera "obsceno" o gasto de máis de 2 millóns de euros nas festas de María Pita 2013