O BNG considera necesario buscar unha solución definitiva para a tarxeta Millennium
A Coruña, 28 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG considera necesario buscar unha solución definitiva aos constantes problemas que a tarxeta Millennium está a provocar á veciñanza da cidade. As nacionalistas lembran que son continuos os inconvenientes que causa esta tarxeta: fallos de lectura nos terminais dos autobuses, obrigando ao pago en efectivo da viaxe das e dos usuarios, fallos na recarga nos caixeiros, de xeito puntual ou sistemático, a falta de subministro do cartón-moedeiro, feito que non acontece por primeira vez, e que estes días está a provocar que o Concello tivera que suspender temporalmente a súa expedición, que canto menos durará ate a semana que vén como xa indicaron, e que se ofreza como alternativa o bono metropolitano.
A veciñanza non pode seguir soportando os constantes problemas que provoca esta tarxeta, indican as nacionalistas
E así un longo etcétera de incidencias, mais cómpre entrar canto antes a falarmos de cuestións como que o mantemento dos servizos de recarga nunha entidade bancaria sen ter universalizado este servizo, indica a concelleira nacionalista Avia Veira que tamén empraza ao Goberno municipal a habilitar outro tipo de mecanismos que permitan dun xeito rápido ás persoas ás que lles falla o cartón continuar gozando dos beneficios tarifarios que implica ter a tarxeta Millenium.
O Grupo Municipal do BNG lembra que xa se amosara moi crítico con que o Goberno municipal anterior sacase a concurso a subministración de tarxetas Millenium sen mudar as súas características técnicas malia que o propio PMUS recollía na súa diagnose como unha debilidade do servizo de autobús urbano da cidade o funcionamento deficiente da tarxeta Millenium, recoñecendo que o funcionamento defectuoso dunha porcentaxe de tarxetas Millenium é fonte de conflitos co usuario, xera unha mala imaxe do servizo e provoca a diminución da velocidade comercial, chegándose a propor a súa mellora.
Así, o Grupo Municipal adianta que cando se convoque a próxima reunión da Comisión Informativa de Mobilidade Sostíbel trasladará as constantes queixas da veciñanza respecto á tarxeta Millennium para acadar unha solución definitiva.