SON UNHAS CONTAS DE MARCADO ACENTO SOCIAL QUE CONTRIBUIRÁN A DINAMIZAR A ECONOMIA E A CRIAR EMPREGO
O BNG asina un acordo con PSdeG e a Marea para A Coruña ter en 2020 os orzamentos que a cidade precisa
"Nós estamos polo diálogo, pero sempre coa vocación de que se traduza en logros concretos e este acordo orzamentario é un deses logros concretos", afirmou Francisco Jorquera na súa comparecencia perante os medios, após a asinatura do documento, xa no Salón Real de María Pita.
O portavoz nacionalista remarcou a satisfacción que sente o BNG perante o acordo alcanzado. O proxecto non é exactamente o que faría o BNG se liderase o Concello, mais contén o básico dos Acordos de Investidura asinados co grupo socialista en xuño pasado e o groso das propostas que a formación soberanista trasladou á mesa de negociación dos orzamentos.
A decisión de o grupo municipal nacionalista apoiar cos seus votos estes orzamentos acordados con PSOE e a Marea foi adoptada polo Consello Local do BNG nunha reunión que este órgano realizou o pasado xoves 19 de decembro. O Consello Local tomou o acordo por unanimidade.
A xuízo do BNG, e así os caracterizou Jorquera na súa intervención perante os medios, o proxecto de orzamentos acordado con PSdeG e a Marea ten un marcado acento social (con significativos incrementos das partidas destinadas á Renda Social Municipal e ás Axudas de Emerxencia) e contribuirá a dinamizar a economía da cidade, lastrada nos últimos meses por fenómenos de desindustrialización (sirva como exemplo o fechamento de Isowat) e, por tanto, contribuirá tamén a criar emprego. Destarte, o proxecto contempla medidas para elaborar un plan de desenvolvemento e industrialización para A Coruña e a súa área metropolitana, ben como tamén para pór en andamento un plan de dinamización do comercio.
A decisión de o grupo municipal nacionalista apoiar cos seus votos estes orzamentos acordados con PSOE e a Marea foi adoptada polo Consello Local do BNG nunha reunión que este órgano realizou o pasado xoves 19 de decembro
Alén diso, son, remarcou Jorquera, unhas contas que apostan polas políticas de igualdade (con axudas á conciliación), mobilidade, vivenda (cun programa de bolsa de vivenda en aluguer e incremento dos fondos para rehabilitación), loita contra o cambio climático e normalización lingüística.
Referiuse tamén Jorquera ao proceso de negociación que conduciu ao acordo. Dixo que o BNG se manexou en todo momento con lealdade, honestidade e rigor. "O que máis nos preocupaban non eran as fotos, o que máis nos preocupaba era facer posíbel un acordo que fose bon para a cidade. E teño que dicir que estamos satisfeitos co resultado", indicou.
A Coruña non podía continuar un exercicio máis con orzamentos prorrogados, remarcou o portavoz nacionalista, quen concluíu a súa intervención a formular un desexo: que este acordo teña continuidade en vindeiros exercicios e que o Concello no futuro non se vexa obrigado a volver funcionar con contas prorrogadas.