O BNG alerta de que son só 96 persoas máis as que traballan na Coruña e fano con contratos precarios
A Coruña, 3 de setembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego sinala que despois de gastar millóns de euros en festas, alegando o sr. Negreira e o seus concelleiros que este investimento era para a creación de emprego, que ten que dicir o Goberno Municipal cando os datos do paro de agosto anunciados no día de onte mostran que son só 96 persoas máis as que traballan (na súa maior parte con contratos en precario) e cando sobe o número de desempregados precisamente no sector da hostelaría e pequeno comercio, que é o de servizos.
E é que o gasto de 2 millóns de euros nas festas que se ten xustificado por parte do Goberno Local para a xeración de emprego e, en concreto, na hostelaría, hoteis e pequeno comercio non se corresponde coas cifras de desemprego, e concretamente no sector servizos, o cal acrecenta o número de persoas paradas, 35 máis que en xullo, pasando a 14.978 as persoas deste sector na procura de traballo.
E todo esta realidade, sinalan as nacionalistas, coa agravante da suba do desemprego feminino na cidade da Coruña que segue a medrar (houbo 52 mulleres desempregadas máis en agosto pasando a ser un total de 11.292, concretamente o 53,5% das persoas desempregadas na cidade) e no que cada vez máis xente se ve na obriga de emigrar en busca dun posto de traballo que lle permita vivir porque non encontran traballo na terra.