O BNG-AA reivindica o uso do edificio do antigo cárcere para o pobo
A Coruña, 8 de abril de 2015.- O edificio do antigo cárcere, para o pobo. Así o reivindica o BNG-Asembleas Abertas, que levará no seu programa esta e outras propostas achegadas polo colectivo Proxecto Cárcere, co que vén de manter unha reunión a número dous da candidatura e concelleira María Xosé Bravo. Nesta xuntanza, tratouse a necesidade de que o inmoble da antiga prisión sexa habilitado para usos de carácter social e cultural, entre os que destacarían espazos destinados á mocidade e tamén á memoria histórica, especialmente vencellada coa historia do propio cárcere.
Tal e como defende Bravo, en aras da eficiencia, o proxecto de xestión sociocultural do cárcere debería prestar especial atención á súa sustentabilidade e ao aproveitamento dos recursos xa existentes no edificio. Ademais, a iniciativa de Proxecto Cárcere, a número 2 do BNG-AA sinala que a posta en marcha dun centro sociocultural no edificio do cárcere non debe reproducir os modelos de xestión sociocultural xa existentes e debe apostar por fórmulas participativas, que lle concedan protagonismo e capacidade de decisión aos axentes culturais, sociais, veciñais e educativos.
María Xosé Bravo pon de manifesto tras a reunión que o programa do BNG-AA asume o documento presentado por Proxecto Cárece Ideas para a apertura do cárcere, no que o colectivo, nunha primeira fase, actuaría como facilitador do proceso participativo e das negociacións entre institucións e a veciñanza, achegando os seus coñecementos, experiencia e filosofía. Tamén defende o BNG-AA a autoxestión do centro, tal e como propón Proxecto Cárcere, de xeito que sexa o pobo quen determine os contidos, a toma de decisións e a organización do edificio da antiga cadea provincial.
Por último, a número dous da candidatura do BNG-AA salienta a importancia de que o uso do cárece sexa sempre público e con acceso libre e gratuíto, así como que responda ás necesidades da veciñanza do barrio de Monte Alto en particular e do resto da cidade e contorna en xeral.