"A SEÑORA INÉS REY É ALCALDESA EN VIRTUDE DUN PACTO CO BNG, CUNHA SERIE DE COMPROMISOS ASINADOS POR ELA. O MÍNIMO ESIXÍBEL É QUE CUMPRA O PACTADO"
Balance de xestión do Goberno de Inés Rey no ecuador de mandato: "Falta de humildade, diálogo e incapacidade para cumprir os acordos"
O grupo municipal do BNG compareceu en pleno diante dos medios para, xusto o día en que se fan dous anos das eleccións municipais de 2023, realizar un balance da xestión do Goberno de Inés Rey ao se alcanzar o ecuador do mandato". “O noso balance é un balance crítico, quer polo xeito de gobernar de Inés Rey quer polos resultados da súa xestión”, afirmou o portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera.
O balance da xestión do Goberno Local resumiuno así: “Falta de humildade, falta de diálogo, incapacidade para cumprir os compromisos e inacción á hora de resolver as múltiples tarefas pendentes que o Concello ten pendente”.
A falta de humildade ten como orixe a “lectura equivocada” que o PSOE fixo dos resultados de hai dous anos. “En 2023, o PSOE nin gañou as eleccións nin sumou máis votos. De feito, das tres forzas que obtivemos representación foi a única que baixou en votos a respecto de 2019”, destacou.
Esa lectura equivocada conduciu ao equipo dirixido por Inés Rey “a unha actitude de auto compracencia e acomodación”, censurou Jorquera. “Inés Rey compórtase como se tivese maioría absoluta, cando resultou alcaldesa froito dun pacto co BNG. E por tanto o mínimo esixíbel é o cumprimento do pactado”.
A falta de diálogo non é só cos grupos da Corporación, resaltou, senón tamén co “tecido social. “No noso contacto coas asociacións veciñais e as entidades cívicas, unha queixa xeneralizada é que cando queren falar co Goberno Local moitas veces reciben a calada por resposta”, remarcou. E exemplifica esa ausencia de receptividade ás demandas cidadás co feito de “que este ano non houbese orzamentos participativos e os consellos municipais de participación estivesen paralizados”.
Canto á xestión, Jorquera destacou a “falta de impulso” e a “lentitude e ineficiencia” no funcionamento, derivada “dunha estrutura de goberno que se caracteriza por un grande desequilibrio no reparto de responsabilidades e unha enorme concentración de competencias en moi poucas persoas”.
A resultante, estendeuse, é a desatención ás cuestións do día a día, a comezar polos “evidentes déficits na limpeza e no mantemento” e a seguir polo feito de que “moitos servizos se están a prestar en precario, cos contratos caducados”.
É un goberno que, resumiu, “non está a pé de obra e suple a desatención do día a día con declaracións pomposas e grandes anuncios”, isto é, con “propaganda que moitas veces fica en nada”.
A xuízo de Jorquera, o Goberno de Inés Rey confunde “o eixo das prioridades”. Así, por exemplo, pretende converter A Coruña en sede de grandes eventos e, ao mesmo tempo, abandona o tecido cultural local, ou, no mesmo sentido, fala de dotar A Coruña dun novo grande recinto multiusos “mentres hai graves deficiencias no Pazo da Ópera, hai pingueiras no Teatro Rosalía, no Fórum...”.
Confunde as prioridades cando non é quen de executar os investimentos nos barrios contemplados nos orzamentos de 2024 por impulso do BNG e, mentres tanto, concentra as actuacións no centro. E confúndeas tamén a alcaldesa cando no canto de se preocupar polos problemas de infrafinanciamento da UDC, se dedica a promover universidades privadas.
En definitiva, e alén da propaganda, o balance vén marcado porque ao Goberno de Inés Rey lle falta un “proxecto de cidade claro e ambicioso”. “E así, non hai un proxecto con capacidade de liderar non só cidade senón tamén a comarca, e iso vese na inacción á hora de impulsar a área metropolitana”, subliñou.
A reforma do estadio de Riazor e o operador privado
Inquirido polos medios sobre os investimentos que ten previsto executar o Goberno Local -e que dependerían do voto afirmativo do BNG-, e en relación á reforma do estadio de Riazor, Jorquera puxo en destaque que existen múltiples incógnitas por despexar.
“Falta o fundamental. Como se vai acometer a reforma? En que prazos? Como se vai financiar? Canto lle vai custar ao Concello? Se vai haber un operador privado que explote o estadio, a cambio de que?”, preguntas que foi deixando no ar Jorquera.
Sobre o operador privado que supostamente participará na reforma do estadio de Riazor, Jorquera pregúntase se sairá dun concurso público ou se vai ser unha empresa “do outro lado do Atlántico” elixida “a dedo”
Sobre o operador privado, Jorquera preguntouse se se vai escoller nun proceso aberto á concorrencia de distintas ofertas, isto é, cun concurso público, ou se vai ser elixido “a dedo”.
“Eu escoitei que o estadio de Riazor era municipal”, dixo en alusión a manifestacións feitas polo Goberno Local, “e que non o podía explotar o Deportivo para usos extra deportivos e, en cambio, parece que se está falando de asignar a dedo a un operador do outro lado do Atlántico a explotación extradeportiva do estadio”.
A disposición ao diálogo do BNG
A respecto de que disposición ten o BNG para asegurar a gobernabilidade do Concello, Jorquera esclareceu que a ten toda. “As coruñesas e os coruñeses decidiron hai dous anos que o BNG fose unha forza decisiva, unha forza chave no Concello. Como forza que estamos na oposición, estamos a facer o noso traballo de fiscalización e control dun Goberno Local que está en minoría, tamén o noso traballo de formulación de propostas. A nosa disposición á cooperación é plena, e só ten unha condición, absolutamente lóxica, que o Goberno de Inés Rey cumpra os acordos aos que se comprometa”.
E concluíu: “A señora Inés Rey é alcaldesa en virtude dun pacto, cunha serie de compromisos asinados por ela. O mínimo esixíbel é que cumpra o pactado. Se así o facer, o BNG ten disposición a contribuír á gobernabilidade da cidade. Nós nunca practicamos o filibusterismo. Non é ese o noso estilo. Sempre pomos os intereses da cidade por enriba de calquera outra consideración”,