PREGUNTA POR ESCRITO AO GOBERNO LOCAL
Avia Veira pide que se tomen medidas para evitar demoras na tramitación dos bono taxi
Lembra na súa iniciativa a concelleira nacionalista que en 2019 o concello demorou até catro meses en tramitar e resolver as peticións formuladas polas cidadás. E non só iso, a Administración local solicitou a persoas con dificultades de mobilidade que se desprazasen fisicamente ás dependencias municipais para achegaren documentación, a pesar de que as persoas solicitantes autorizaran ao concello a que accedesen aos seus datos en poder doutras administración.
Unha demora na tramitación de catro meses é inaceptábel tendo en conta “o delicado da situación das persoas que padecen discapacidade” e que precisan de ter acceso canto antes a estes bonos para materializar o seu dereito á mobilidade.
É por isto que Avia Veira formula varias preguntas ao Goberno Local, entre elas a de se vai ter en conta “a demora que se produciu o ano pasado desde o remate do prazo de solicitudes até a súa concesión”.
“Que mecanismos para a achega de documentación vai recoller o Goberno Local na convocatoria para evitar situacións acontecidas o ano pasado”, inquire tamén a concelleira.