Avia Veira pregúntalle ao goberno local cando e onde ten pensado reimplantar o carril bus
A concelleira do BNG Avia Veira insta o goberno local a que precise cando e onde ten pensado implantar o carril bus.
O emprazamento ao executivo coruñés vaino facer Veira a través dunha pregunta para a súa resposta oral no pleno ordinario do próximo mes. A sesión aínda non está formalmente convocada, mais todo indica que se vai celebrar o xoves 3 de outubro.
O carril bus foi retirado da cidade polo goberno conservador de Carlos Negreira. A súa reimplantación foi pactada por nacionalistas e socialistas no acordo asinado por ambas forzas a 19 de xuño de 2019, entente que fixo viábel a investidura de Inés Rey.
Para o BNG, a posta en marcha do carril bus é un elemento básico da política de mobilidade que precisa a cidade, ao mellorar as prestacións do servizo do bus e desincentivar o uso do coche particular.
Alén da reimplantación do carril bus, o BNG demanda un novo mapa de liñas, máis frecuencias de paso dos buses e o alargamento dos horarios para os facer coincidir coas horas de entrada e saída dos traballos das veciñas e dos veciños.