A autorización ambiental de 2006 a Repsol non se condicionaba ao traslado ao porto exterior
A Coruña, 22 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a autorización ambiental a Repsol, que agora se renova, resolveuse o 27.04.2006 e foi publicada no DOG o 06.07.2006 http://www.xunta.es/dog/Publicados/2006/20060706/Anuncio1372A_gl.html. Tal e como pode comprobarse, na autorización ambiental non hai ningunha referencia ao traslado das instalacións portuarias a Punta Langosteira; é dicir, a autorización ambiental non se condicionaba, en ningún momento, ao traslado de Repsol ao porto exterior. E iso que nestas datas xa estaban adxudicadas as obras de Punta Langosteira (foron adxudicadas o 20.12.2004).
Ponse de manifesto que non hai motivo medioambiental ningún na decisión do Goberno municipal e da Autoridade Portuaria de supeditar a renovación da autorización ambiental ao traslado de Repsol a Punta Langosteira. O Sr. Negreira e o Sr. Losada queren levar, sexa como sexa, Repsol a Punta Langosteira co fin de deixar libres os terreos que ocupa a empresa no porto interior, desafectalos e vendelos ao mellor postor. Así, os motivos do PP non son de sustentabilidade, senón de puro mercantilismo.
Lembra o BNG que a concesión de Repsol no porto remata no 2027 (prazo foi acordado pola propia Autoridade Portuaria o 30 de marzo de 2000) e que esta manobra de condicionar a renovación da autorización medioambiental ao traslado da empresa ao porto exterior responde a unha chantaxe de Goberno municipal e Autoridade Portuaria, logo de que non chegaran a un acordo sobre a indemnización de 250 millóns que reclamaba Repsol.