Após un encontro coa Asociación Veciñal, o BNG trasládalle ao Goberno Local demandas do Ventorrillo
Estas son algunhas das cuestións que a Asociación Veciñal do Ventorrillo trasladou ao grupo municipal do BNG nunha recente reunión e que agora a concelleira nacionalista Avia Veira transforma nunha pregunta por escrito ao Goberno Local.
Veciñas e veciños dixéronnos que as e os concelleiros do Executivo coruñés son perfectamente coñecedores destas demandas. O asunto é que non as dan satisfeito, de aí que o BNG tomase a iniciativa de rexistrar esta pregunta por escrito.
“As reivindicacións da veciñanza”, relata Avia Veira, “céntranse no estado e no mantemento dos espazos públicos como o aparcamento do Ágora, a zona de skate, a do parque biosaudábel, así como a senda verde de Penamoa e o Parque de Bens”.
Acrecenta a concelleira nacionalista que para a entidade veciñal tamén é motivo de preocupación “a seguridade viaria nalgúns cruzamentos do barrio e tamén nos pasos de peóns aos que non se lles fai o mantemento necesario”.
Interésase en concreto o BNG por se o Goberno Local vai tomar medidas para mellorar o estado da senda que une Penamoa ao Parque de Bens, un camiño que, despois do confinamento, se converteu en lugar de paseo para moita xente e que precisa de sinalización e mantemento “para que as persoas poidan gozar del”.