INICIATIVAS DE JORQUERA PARA O PLENO DESTE XOVES 13X

Aparcadoiros nos bordos do barrio e a mellora do Parque Infantil, tarefas pendentes en Pedralonga

parque infantil
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, defenderá no Pleno deste xoves 13X dous rogos en relación ao barrio do Pedralonga: un para demandar a habilitación de aparcadoiros nos bordos do barrio, outro para que se complete a reforma do Parque Infantil.
Aparcadoiros nos bordos do barrio e a mellora do Parque Infantil, tarefas pendentes en Pedralonga

Canto ao primeiro, Jorquera explica na súa iniciativa que o aumento de poboación rexistrado en Pedralonga nos últimos anos non se viu acompañado “dun novo deseño viario no interior do rueiro”, un problema que se ve agravado “pola falta de espazos de estacionamento de vehículos”. A consecuencia é que moita xente utiliza como parking informal “as zonas aínda non urbanizadas a carón das casas”.

A solución, alega o voceiro nacionalista, pasa por “crear aparcadoiros nos bordos do barrio”, unha medida que, alén de arranxar esta deficiencia, “reduciría a presenza de vehículos no interior do rueiro”, co que se facilitaría a mobilidade peonil.

Canto ao Parque Infantil, a iniciativa pretende que se complete  e reforma levada a cabo nese espazo. O problema é que no canto de se ter instalado un pavimento de caucho se optou por un de terra e de grixo, “que non é o máis seguro para cativas e cativos” e que coa chuvia se enlama e se enche de fochas. Non só iso, senón que, a maiores, a área infantil ten un alumeamento moi deficiente.

Por estas razóns o rogo do BNG insta o Goberno Local  completar a reforma do Parque Infantil mudando o pavimento por outro máis apropiado e dotando o recinto dun mellor alumeamento.

 

 

Aparcadoiros nos bordos do barrio e a mellora do Parque Infantil, tarefas pendentes en Pedralonga