O CONCELLO TEN DESATENDIDAS AS SÚAS COMPETENCIAS NO COMBATE CONTRA AS ALTERACIÓNS CLIMÁTICAS

Si ao operador enerxético, mais sen crear falsas expectativas para un proxecto de incerto futuro

Jorquera Pleno extraordinario 3 de decembro de 2021
O BNG votou a prol da constitución dunha comisión de estudo para a creación dun operador enerxético municipal, durante o curso do Pleno extraordinario que se realizou na mañá deste venres 3D no Concello.
Si ao operador enerxético, mais sen crear falsas expectativas para un proxecto de incerto futuro

“Votaremos a favor, porque nos parece positiva a creación dun operador municipal, mais ao tempo advertimos ao Goberno Local que o fume provoca a emisión de dióxido de carbono á atmosfera. E non nos gostaría que se nos estea vendendo fume desde o Goberno Local”, dixo o noso voceiro Francisco Jorquera.

E dixo tal porque o Concello está a levantar expectativas excesivas –co operador non se resolverán problemas como o desorbitado prezo da luz nin se vai acabar coa pobreza enerxética- asumindo unha competencia que non lle é propia, cando, en troca, desatende as que si son materias que lle competen.

Nese sentido, Jorquera critica que, no combate contra as alteracións climáticas, o Goberno Local non terme adecuadamente das súas competencias. Así, reprochoulle que non sexa quen de resolver a situación da planta de Nostián –pendente a licitación do novo contrato e coa ameaza implícita de que se envíen refugallos a Sogama- e, ao tempo, recriminoulle que teña aínda pendentes cuestións como a revisión do mapa de liñas do bus urbano, a ampliación de horarios e a intensificación de frecuencias.

Jorque extra

“Cremos que é excesivo levantar a expectativa de que este operador, que de chegar a existir será nun futuro aínda moi indeterminado, poida converterse nunha ferramenta de grande importancia para loitar contra as alteracións climáticas, evitar a discriminación no acceso ao consumo de electricidade e rematar coa coñecida como pobreza enerxética”, dixo Jorquera.

O BNG, esclareceu, ve a solución á carestía da electricidade en ámbitos competenciais que sobordan o Concello e nese sentido Jorquera defendeu medidas como a mudanza do marco regulatorio –estipulando que o prezo da luz se fixe en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía, a evitar así os coñecidos como beneficios caídos do ceo-, ben como tamén o establecemento dunha tarifa eléctrica galega “que compense o noso país polo forte impacto ambiental e social decorrente da súa especialización na produción de enerxía”.

Aprobación dun novo modificativo de crédito

O Pleno extraordinario reuniuse tamén para dar luz verde a un novo modificativo de crédito, o décimo no que vai de mandato. O BNG abstívose porque, aínda que ve positivo que se recorra á vía do crédito (por esa vía apostara a formación nacionalista para financiar o Presco, contra o criterio do Goberno Local), non pode avalar a falta de planificación dun executivo que, após prorrogar os orzamentos de 2019, aínda foi incapaz de presentar as contas para 2022.

“Non imos ser nós quen poña paus nas rodas para que haxa crédito para os convenios, os proxectos Eidus ou as áreas de rehabilitación”, precisou Jorquera. “Mais tampouco podemos avalar un xeito de facer as cousas do que discrepamos profundamente”, concluíu.

 

 

Si ao operador enerxético, mais sen crear falsas expectativas para un proxecto de incerto futuro