AS PERCEBEIRAS: "NIN 20 NIN 9 ALTURAS!"
Alegamos contra o Plan de Urbanización de Visma, que atenta contra a propia Axenda Urbana 2030 aprobada polo Goberno Local
As alegacións formúlanse contra aspectos do Plan de Urbanización que atentan contra os principios estratéxicos da Axenda Urbana 2030 aprobada pola Xunta de Goberno Local en setembro de 2022. Nese documento establecíase como obxectivo protexer e promover o "rico e diverso" patrimonio cultural e natural da cidade. Promover ese patrimonio significa tamén, recalcou Avia Veira, divulgado e facelo accesíbel para toda a veciñanza.
Antes de pormenorizar as alegacións do BNG ao Plan de Urbanización, Veira quixo salientar que no actual trámite non se pode alegar contra aspectos non contidos nese plan.
"O que estivo a exposición pública neste último mes foi o proxecto de urbanización do sector 2 de Visma. Ese documento establece como se distribúen as rúas, como se materializa a subministración da auga e demais cuestións relativas ao proceso de urbanización. Mais non determina en absoluto nin as alturas nin a edificabilidade", esclareceu.
Polo tanto, remarcou, o BNG cinxe as súas alegacións ás cuestións que están verdadeiramente sobre a mesa neste trámite. "Para alegar sobre as alturas ou sobre a edificabilidade o que tería que estar en exposición pública é unha mudanza do PXOM que, por suposto, si sería desexábel porque precisamos un PXOM adaptado ás necesidades do século XXI e que permita desenvolvementos urbanísticos sustentábeis", di Avia Veira.
"Obviamente no BNG, estamos en contra de inmóbeis de 20 plantas que, aínda por riba, dan sombra a edificios do Ventorrillo e estamos en contra de que a densidade de edificación resulte na eliminación de arborados e zonas de Visma de alto valor natural. Mais, reiteramos, o Plan de Urbanización non vai sobre estes aspectos", indicou.
"O BNG, e quero enfatizar isto, non comparte en absoluto os principios do PXOM de 2013. Por iso votamos en contra del no Pleno e por iso tamén o denunciamos xudicialmente", salientou.
As alegacións do BNG
O BNG alega sobre tres aspectos concretos.
Primeiro, o Plan de Urbanización non protexe adecuadamente os elementos patrimoniais do coñecido como Viaxe de Visma, o antigo sistema de abastecimento de auga da cidade. Si que está "referenciado" no Plan de Urbanización a Arqueta dos Frades, mais non está protexido un elemento descuberto en 2017, o Tarreo da Arqueta, tamén pertencente á Viaxe de Visma e que está aínda pendente de ser incluído no Catálogo do PXOM (o documento que detalla os elementos urbanos a protexer). "Hai mesmo un informe do arqueólogo municipal que sinala que hai máis restos que cómpre salvagardar", sinalou Veira.
No Plano de Urbanización figura un vial que separa a Arqueta dos Frades do Tarreo da Arqueta. "O que propomos na nosa alegación é suprimir ese vial e a musealización deses dous elementos para que se poda gozar da Viaxe de Visma no seu conxunto", referiu.
A segunda das alegacións ten a ver co feito de o Plan de Urbanización non respectar o curso fluvial de San Pedro de Visma. "Aquí se incumpre flagrantemente a propia normativa do PXOM segundo a cal o curso fluvial debe incorporarse ás zonas libres de edificación neste sector 2 de Visma. Non só non se fai iso, senón que se introduce un tanque de tamizado e canalízase o curso no canto de deixar que aflore e que sexa visíbel".
Por último, a terceira das alegacións apunta a que o Plan de Urbanización incumpre os propios obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana 2030 aprobada polo Xunta de Goberno Local en setembro de 2022 segundo o cal a Administración local debe promover e protexer o patrimonio cultural e natural da cidade e sensibilizar a cidadanía da importancia do seu coidado no contexto das diversas accións que se deben impulsar para termos unha Coruña o máis resiliente posíbel fronte ás mudanzas climáticas.
"Por tanto, non protexer adecuadamente os elementos arquitectónicos da Viaxe de Visma nin o curso fluvial atenta contra os obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana 2030. Daí as nosas alegacións", conclúe.
As Percebeiras
Na conferencia de prensa, Veira avaliou tamén a noticia coñecida hoxe segundo a cal a inmobiliaria Metrovacesa está disposta a rebaixar as alturas da urbanización que proxecta para As Percebeiras.
"Iso é un movemento puramente empresarial", valora. Un intento de procurar apoio social "tendo en conta a grande mobilización veciñal contraria a ese proxecto de colocar mamotretos" ao pé da nosa costa.
"Ni 20 nin 9 alturas. O proxecto das Percebeiras é propio dun urbanismo depredador. Significa eliminar unha zona verde urbana pegada ao mar. É contrario a calquera urbanismo moderno que se propoña loitar contra o cambio climático. Arrasa cun hábitat de especies que son únicas. Non debe ter cabida na nosa cidade. O que hai que facer é reformular o Plan Especial de Labañou para aquilo ser a zona verde que si precisa o barrio de Labañou", remarcou Veira.
"Labañou non pode absorber todos os habitantes que irían vivir a esa urbanización. Non están preparados os servizos públicos -nin o transporte, nin a educación, nin a sanidade, nin as vías que dan accceso ao barrio- para Labañou asumir ese impacto", engade a concelleira do BNG, para quen "o asunto está en mans do Goberno Local, que debe reformular ese Plan especial e facelo nunha liña respectuosa co medio ambiente e a sustentabilidade urbana".