PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA
Que accións vai emprender o Goberno Local ante o informe de Filipinas que certifica o asasinato de Diego Bello?
Este órgano constitucional do arquipélago asiático, independente do goberno de Rodrigo Duterte, realizou unha investigación cuxa conclusión básica é que a policía “disparou deliberadamente a matar” contra Diego Bello, o que fai desta acción unha “execución extraxudicial”. O informe non acha ningunha proba que dea verosimilitude á versión policial sobre os feitos.
Agora Jorquera quere saber se o Goberno Local é coñecedor dos contidos deste informe e pídelle que faga novas xestións perante o Goberno do Estado para este presionar politicamente a Manila. O obxectivo, que o crime non fique impune e os responsábeis do asasinato sexan xulgados.
“Non considera o Goberno Municipal que os contidos deste informe corroboran o sostido desde un principio por familiares e amizades de Diego, quen denunciaron en todo momento que a súa morte foi unha ‘execución extraxudicial’, un auténtico asasinato, pois, como sinala textualmente o informe, “a policía disparou deliberadamente a matar’?”, inquire Jorquera.
A iniciativa do BNG achega como apéndice documental o texto do informe da Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas (que podedes ver nun arquivo anexo).