JORQUERA DENUNCIA O INCUMPRIMENTO POR PARTE DO GOBERNO LOCAL
O 1-O non estará operativa a nova concesión do Servizo das Escolas Deportivas Municipais
“O servizo está a prestalo en precario Amartya e a lentitude na tramitación da nova concesión introduce incerteza, singularmente no cadro de persoal, con algunhas traballadoras e traballadores afectados por ERTEs”, di Francisco Jorquera após participar na reunión da Comisión de Deportes habida esta mañá no Concello.
Nesa mesma xuntanza, o BNG volveu pór sobre a mesa a conveniencia de aproveitar o escenario de vencemento da concesión de varias instalacións municipais para apostar por un modelo de xestión directa por parte do Concello. A proposta foi tida en conta e así acordouse encargar a realización dun informe para estudar a viabilidade desta cuestión.
Jorquera censurou tamén que o Goberno Local non dese até o de agora ningún paso para materializar a moción do BNG aprobada no pleno o pasado mes de xullo en que se instaba o Executivo a negociar coa Xunta de Galiza o traspaso ao Concello dos complexos deportivos –Elviña, A Sardiñeira, Agra 1- de titularidade autonómica.
Para concluír, e aínda no seo da Comisión de Deportes, o BNG formulou a proposta de que na programación de actividades náuticas para o que fica de mandato A Coruña sexa sede de encontros de embarcacións tradicionais galeas.