Avia Veira: "A Coruña ten recursos para crear emprego e riqueza, só hai que poñelos a producir"
A Coruña, 6 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que os datos do desemprego, cada vez máis graves, precisan dunha resposta inmediata por parte do Concello da Coruña. Detrás dos 8.000 postos de traballo destruídos nos últimos tres meses, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e de que o desemprego aumentara en 300 persoas en outubro respecto dos mes anterior, hai vidas e dramas familiares. A concelleira nacionalista Avia Veira acusa o Sr. Negreira de non ter nin corazón, nin sentimentos e emprázao a dar solucións, de inmediato, ao problema que máis lle preocupa ao pobo: o desemprego.
No caso da Coruña, o alcalde teno fácil, pero temos recursos para poder crear riqueza, temos sectores estratéxicos que só hai que poñelos a producir, mais o que nos falta é un Goberno municipal que acredite neles, sinala Avia Veira. O desleixo do PP é tal que tendo a ría do Burgo, a zona do emisario de Bens, polígonos industriais, actividades marítimo-pesqueiras, un porto exterior e a universidade... renuncia a utilizar estes recursos como creadores de postos de traballo, denuncia.
Emendas do BNG aos orzamentos xerais do Estado, unhas emendas pensadas para crear postos de traballo
A edila do BNG urxe o alcalde a se poñer en contacto cos seus compañeiros de partido en Madrid, entre os que se atopa o seu ex concelleiro Juan de Dios Ruano, para que o Goberno central incorpore as emendas parciais das nacionalistas aos orzamentos xerais. Nas nosas emendas, reclamamos a necesaria rexeneración da ría do Burgo, a grande esquecida, por terceiro ano consecutivo, dos orzamentos xerais, e o saneamento da zona do emisario de Bens, unhas actuacións que crearían centos de postos de traballo de calidade, sinala Avia Veira, quen advirte de que, segundo os datos da Confraría de Pescadores da Coruña en só 24 anos foron destruídos máis de 2.000 postos de traballo directos na ría do Burgo. Tamén pedimos cartos para un plan de acción do sector pesqueiro e mais para a compensación do sector pesqueiro polos paros obrigatorios, apunta.
Amais de potenciar o sector do mar, Avia Veira pon de manifesto que o BNG presentou unha emenda para impulsar a industria, a través do plan de desenvolvemento industrial, e mais para garantir a indispensábel conexión ferroviaria de Punta Langosteira, para a que o Goberno central consignou tan só 50.000 euros nos orzamentos de 2014, sen ningunha previsión de gasto para os vindeiros anos. Tamén presentou o BNG unha emenda para dotar de máis cartos a conexión viaria do porto exterior.
Que paguen a crise a Casa Real, a Igrexa Católica, o exército e os ricos, e non a clase traballadora
Na mesma liña, a concelleira do BNG salientou que quen ten que pagar a crise non é a clase traballadora, senón a Casa Real, a Igrexa Católica, o exército e os ricos. Explicou que as nacionalistas formularon emendas para o recorte dos orzamentos xerais do Estado en capítulos como o da Casa Real, do Exército e da Igrexa Católica, coa finalidade de que participen no esforzo colectivo ao que apela o PP para superar a crise.
Ademais, o BNG pediu nas emendas aos orzamentos unha reforma fiscal máis progresiva para as persoas máis ricas, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunasm, a reforma das SICAV e a supresión do Réxime fiscal especial para as persoas desprazadas no Estado español, porque é inxusto que os salarios millonarios de futbolistas ou altos directivos de empresas tributen só o 24%.