Novas

Onde foron os 250 mil euros da Escola Municipal de Música?

Na negociación dos orzamentos do Concello para 2024, o BNG logrou que se incluíse unha partida de 250 mil euros para incrementar os fondos destinados á Escola Municipal de Música -cuxo edificio presenta moitas deficiencias e o cadro de persoal reclama o cumprimento do convenio colectivo nunha situación de precariedade marcada pola caducidade do contrato da concesionaria.

Mais eses 250 mil euros -como confirmou o interventor do Consorcio para a Promoción da Música- non se aplicaron finalmente, o que levou a nosa concelleira a formular unha pregunta ao respecto no #PlenoOutubro do pasado xoves 3O. A resposta dada polo concelleiro do Goberno Local responsábel da materia non só é evasiva, senón que non se sostén. Non negociou o BNG unha partida para enxugar o déficit, senón para incrementar os recursos disponíbeis da Escola.

Esta mesma semana, despois do Pleno, caeu un anaco da cornixa do edificio, nunha hora punta de afluencia ao centro, o que evidencia até que punto o Concello debe reforzar os recursos da escola, a comezar por garantir a integridade física e a saúde de profesorado e alumnado.

Onde foron os 250 mil euros da Escola Municipal de Música?