Novas

As nosas redes, ao voso servizo para mellorarmos BiciCoruña

A medio dun vídeo pendurado nas súas redes, o BNG da Coruña abre unha canle de participación para recoller propostas e demandas sobre a mellora de BiciCoruña para as levar ao Pleno de febreiro.

Sería a través dunha moción que prepara a concelleira Avia Veira, responsábel de mobilidade no grupo municipal do BNG.

“BiciCoruña funciona, é un servizo público que fomenta a saúde e a mobilidade sustentábel, mais precisa reforzo e ampliación”, afirma Veira.

É unha evidencia que nos últimos anos ten aumentado o número de persoas usuarias, mais non o é menos que cada vez lle chegan ao grupo municipal do BNG máis queixas cidadás sobre defectos deste servizo que precisan seren emendados: falta de bicicletas en horas punta, estacións saturadas, barrios sen cobertura ou problemas de mantemento...

“Desde o BNG cremos que este servizo debe chegar a máis barrios, con máis bicicletas e cun funcionamento á altura do que merece A Coruña”, apunta Veira, quen lembra que o Bloque ten levado esta cuestión xa varias veces ao Pleno do Concello: “Mais a resposta do Goberno Local sempre é triunfalista e moi pouco autocrítica”.

Agora o BNG abre un período de escoita nas redes para achegar, nunha nova moción, propostas de mellora deste servizo público. “Pedimos que a veciñanza nos escriba que fallos ou carencias atopa en BiciCoruña. Queremos xuntar as opinións das coruñesas e coruñeses para ver se así o Goberno Local ve a realidade e reacciona”, remarca.

“Tomamos esta iniciativa porque unha mobilidade mellor se constrúe contando coa xente”, conclúe.

As nosas redes, ao voso servizo para mellorarmos BiciCoruña