O BNG-AA primará a sustentabilidade en todos os eidos: desde a reforestación ao emprego verde
A Coruña, 14 de abril de 2015.- A concelleira nacionalista e candidata número 4 do BNG-Asembleas Abertas, Avia Veira, reuniuse na mañá de hoxe co representante de Reforesta Coruña, Jaime Gutiérrez, co que contrastou as medidas de política ambiental que recollerá o BNG-AA no programa electoral. Precisamente, o programa co que o BNG-AA concorrerá ás eleccións municipais primará o criterio da sustentabilidade en todos os eidos: desde o emprego verde á reforestación pasando pola mobilidade e pola necesaria concienciación social.
Neste sentido, o BNG-AA pon o punto de mira no medio ambiente e na defensa da natureza desde a transversalidade. Avia Veira explica que se trata de entender o medio ambiente de maneira global nas relacións das persoas coa súa contorna e, polo tanto, advirte de que ten a ver coa cultura, o ensino, o urbanismo, o lecer, o desenvolvemento, a mobilidade, a enerxía, o consumo responsábel e consciente todas as demais áreas da influencia humana.
En base ao programa electoral, no que se inclúen as propostas de diversas entidades ecoloxistas, o BNG-AA aplicará no Concello da Coruña actuacións encamiñadas a evitar ou eliminar situacións de contaminación ambiental: atmosférica, verteduras, acústica, electromagnética e lumínica. O BNG-AA tamén deseñará actuacións en materia de educación ambiental amais de converter as instalacións municipais en referentes para o pobo de coidado do contorno e de boas prácticas ambientais.
En definitiva, para o BNG-AA, as políticas ambientais e de conservación do medio natural teñen que impregnar todas as accións municipais de xeito interdisciplinar e cunha visión a longo prazo.