DAVID SOTO LEVA O ASUNTO AO PLENO DO 11A
Nova RPT: o Goberno Local continúa sen dialogar coa Xunta de Persoal
Faino en forma dunha pregunta oral que reza así: “Que balance fai o Goberno Local do cumprimento das súas obrigas para coa Xunta de Persoal”.
“As e os representantes das e dos traballadores téñennos trasladado unha queixa unánime: a falta de disposición ao diálogo con elas por parte do Goberno Local no que atinxe a asuntos como a Relación de Postos de Traballo, a formación do persoal, a creación de mesas técnicas ou a adxudicación de xefaturas de servizo”, refire Soto.
Canto á RPT, o concelleiro nacionalista salienta que “xa debería estar en marcha desde hai bastantes meses e que é necesaria para a eficiencia organizativa do propio Concello”. A nova RPT debe ser froito do diálogo co persoal municipal, resalta Soto.
“O Goberno Local ten que cumprir co deber de dialogar coas traballadoras e traballadores municipais para que o Concello funcione como debe e como lle esixe e espera a veciñanza da cidade”, conclúe.