UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS PARA O PLENO DO 9 DE NOVEMBRO

O Goberno Local debe facer xa os seus deberes e acelerar a reapertura do Xardín do Observatorio

Avia Veira e Francisco Jorquera diante do xardín do Observatorio
Avia Veira e Francisco Jorquera diante do xardín do Observatorio a reclamar, cando a veciñanza, a súa reapertura
A concelleira do BNG Mercedes Queixas insta o Goberno Local a que cumpra de vez o acordo asinado coa Axencia Española de Meteoroloxía (AEMET) –“e o compromiso asumido coa cidadanía da Agra do Orzán”- e se abra canto antes ao público o Xardín do Observatorio Meteorolóxico, fechado durante a pandemia (2020) e nunca máis aberto ás coruñesas e coruñeses.
O Goberno Local debe facer xa os seus deberes e acelerar a reapertura do Xardín do Observatorio

Queixas fai este emprazamento ao Executivo coruñés a través dunha moción que defenderá no Pleno do vindeiro xoves.

Para abrir o Xardín do Observatorio é preciso derrubar primeiro os muros da rúa de Gregorio Fernández e da Canceliña, ben como acondicionar o espazo e construír un valo interior para delimitar a zona verde e o ámbito que ocuparía a delegación da AEMET.

E cando se faga non será sen tempo, porque o Xardín leva fechado tres anos e porque o Pleno da Corporación xa aprobou en xaneiro de 2023, a instancias do BNG, unha moción que instaba o Goberno Local a negociar co Ministerio de Transición Ecolóxica a apertura deste necesario espazo para un “barrio intensamente denso” e que adoece dunha total falta de zonas verdes accesíbeis, salienta na exposición de motivos.

Após ese pronunciamento do Pleno, a finais de marzo de 2023 o Goberno Local anunciou a sinatura dun acordo coa AEMT para habilitar no Xardín do Observatorio por volta de 5 mil metros cadrados de zona verde. Un convenio cunha duración de catro anos en virtude do cal o Concello “asumiría tanto o derrubo dos muros como o acondicionamento do espazo e a construción dun valo interior para delimitar o espazo da delegación da AEMET”.

Mais xa logo estamos a acabar o ano e o convenio continúa sen se aplicar, o que loxicamente causa malestar nunha veciñanza dun barrio que ten sufrido ao longo dos anos “un medre urbanístico absolutamente descontrolado”.

O Xardín do Observatorio debe ser reaberto canto antes, sen prexuízo de que se dean pasos decididos para no futuro o barrio contar cun Parque da Agra -loxicamente dunha extensión maior- merecente de tal nome, obxectivo polo que a veciñanza leva batallando desde hai décadas.

 

O Goberno Local debe facer xa os seus deberes e acelerar a reapertura do Xardín do Observatorio