O BNG sinala que a decisión de non municipalizar a ORA supón un incumprimento da Marea Atlántica
A Coruña, 30 de xullo de 2015.-En relación á estimación por parte do Goberno local das alegacións da empresa Setex Aparquisa contra a decisión tomada polo anterior Goberno do PP de deixar en suspensión a adxudicación do servizo da ORA, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que estamos diante dun incumprimento dos compromisos electorais da Marea Atlántica que, antes do 24 de maio, apostaba pola xestión directa do servizo da ORA desde o Concello e rexeitaba o contrato de concesión do servizo por privatizar funcións públicas moi sensíbeis como a vixilancia e control das zonas de carga e descarga, paradas de bus e taxis etc.
A decisión de non municipalizar a ORA supón un incumprimento dos compromisos da Marea Atlántica que, antes do 24 de maio, apostaba pola xestión directa do servizo desde o Concello
Para o Bloque, o interese público e xeral do Concello da Coruña debería prevalecer dado que a concesión a empresas privadas de determinados servizos públicos non se ten amosado nin eficaz nin eficiente e ten provocado que as empresas tiren suculentos beneficios en detrimento das arcas municipais.
Malia facerse público que se estiman as alegacións realizadas pola nova empresa adxudicataria do contrato, non se fixeron públicos os informes que levaron o Goberno a tomar a decisión
De feito, o BNG da Coruña lembra que aínda non se fixo público o informe que o Goberno Local lle encomendou á Asesoría Xurídica do Concello para que estudase a posibilidade de municipalizar o Servizo de Ordenación e Regulación do Aparcamento de Vehículos (ORA).
A formación nacionalista engade que, malia facerse pública hoxe a estimación das alegacións de Setex e a adxudicación a esta empresa do servizo da ORA, tampouco se fixeron públicos os informes que levaron o Goberno local a adoptar esta decisión.