Presentamos unha iniciativa para a recuperación da mámoa do Monte de Cambás
Por medio dun rogo oral, instamos ao Goberno municipal a que se proceda á recuperación desta mámoa xa que logo patrimonio histórico e cultural de todas e todos os coruñeses
Solicitaremos no próximo Pleno unha actuación inmediata para que canto menos se sinalice a súa situación ao carón da urbanización Breogán
Obras na contorna do Castro de Elviña... non foi xa suficientemente agredido?
Trasladaremos ao próximo Pleno a nosa preocupación pola realización dunhas obras na proximidade do Castro de Elviña e preguntaremos ao Goberno municipal se ten coñecemento da realización destas obras, quen está a realizalas e se se teñen presentado as correspondentes licencias para facelas
Preocúpanos moito que, doutra volta, e como sucedeu coa construción da Terceira Rolda, haxa un impacto irreparábel na contorna do Castro de Elviña, un BIC que debemos defender todas e todos. Asemade, a zona onde se están facendo estas obras é un hábitat natural de varias especies, con pequenos regatos que conflúen no Rego de Campos, afluente a súa vez do río Mesoiro, e existen varios pasos de servidume peonís que serían modificados, converténdose finalmente en estradas para vehículos
Interesámonos polos edificios de estilo modernista da avenida de Oza
Vimos de trasladar ao Goberno municipal a nosa preocupación polo estado de abandono destes dous edificios, catalogados con nivel de protección estrutural no PXOM, e preguntámoslle que actuacións se están realizando desde a concellaría de Rexeneración Urbana para a impedir a declaración de ruína
Entendemos que pode existir un presunto abandono intencionado polo actual propietario co obxecto de promover unha especulación urbanística. Para nós é unha mágoa que se perda de xeito intencionado, por culpa de intereses especulativos e por inacción da concellaría de Rexeneración Urbana, parte do noso patrimonio urbanístico, sobre todo porque estamos a falar de dúas edificacións modernistas de principios do século XX e que recibiron a influencia do arquitecto Pedro Mariño